23.2.09

Herbas convida a escoller a dúas galegas

.
As suxestións chegadas pola xente ao enderezo electrónico do colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata determinaron unha ducia de mulleres entre as que se atopan os dous nomes que levarán este mes de marzo -por terceiro ano consecutivo- a distinción Virxinia Pereira e a distinción Rosalía durante o acto polo Día Internacional da Muller que o colectivo vai realizar no Centro Noia Rianxo o 8 de marzo ás 10,30 xunto con ese centro Noia-Rianxo e Santa Comba de Xallas.


Para quedar coa distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) que agradece a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre foron postuladas a presidenta da Asociación Residentes de Vigo, Maria del Carmen Araujo Baliñas; á actriz Clotilde Iglesias, filla do actor galego da diáspora por excelencia Tacholas; a escritora e académica María Rosa Lojo; a conductora do ciclo televisivo Lembrando a Galicia, Silvia Brun;a integrante do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior (CGCE) Maite Michelón; a escritora Stella Maris Latorre; a xornalista e escritora Maria Gonzalez Rouco; a profesora e referente do mundo da bibliotecoloxía Josefa "Pepita" Sabor; e a experta en folckore ciencia Pilar Jeremías Cela.


O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcumaban "la gallega de la zona norte" e o ano pasado foi para a sobranceira actriz e xornalista Maruxa Boga.


Por outra banda, Herbas de Prata entregará o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. Nesta categoría, as candidatas son as señoras Olga Alvarez, activa galega que imprimiu a súa orixe nos seus descendentes con entusiasmo. A señora Adriana Posse, cunha longa presenza na colectividade galega. E a señora Eladina, man dereita, valedora, amiga e sostén da nosa admirada Maruxa Boga.


O ano 2007 a cameleira que representa esta distinción foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos que é nai do historiador Ruy Farías Iglesias. E o ano pasado quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.


Os recoñecementos xurdirán da votación aberta e pública no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 23 de febreiro e serán entregados durante o acto polo Día Internacional da Muller 2008 que se vai realizar no Centro Noia Rianxo o 8 de marzo ás 10,30.


Herbas de Prata instaurou no ano 2007 a entrega de estes recoñecementos como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina.


A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.


Máis información: herbasdeprata@gmail.com

.

No hay comentarios: