21.2.09

Herbas de Prata busca dúas galegas sobranceiras para o Día da Muller

.

O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata conmemorará o Día Internacional da Muller nunha xornada colectiva convocada ademáis polos centros Noia-Rianxo e Santa Comba de Xallas e na que, por terceiro ano repetirán a homenaxe a dúas mulleres. Como sempre, eses dous nomes xurdirán dunha votación aberta na súa páxina e para a que veñen de abrir a postulación a todas as persoas que queiran participar suxerindo candidatas ao seu enderezo electrónico herbasdeprata@gmail.com


Herbas de Prata instituiu a entrega dun recoñecemento como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa vida visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina. "Non queremos falar de premios porque nós buscamos só destacar e agradecer", explican.


Para iso, volverán entregar a distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) para agradecer a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre. O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcumaban "la gallega de la zona norte" e no ano 2008 foi para a lendaria actriz e xornalista Maruxa Boga.


Por outra banda, tamén entregarán o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. O ano 2007 foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos e o ano pasado quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.


Calquera pode achegar ata o domingo día 22 de febreiro o nome de galegas na Arxentina para os dous homenaxes con só mandar un correo ao enderezo herbasdeprata@gmail.com cunha breve explicación dos motivos desa proposta. Eses nomes poderán ser votados públicamente no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 23 de febreiro ata o sábado 7 de marzo ás 18 horas.

A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.


Máis información: herbasdeprata@gmail.com


.

1 comentario:

RosaMaría dijo...

Me encanta poder encontrar un sitio en el que podamos reunirnos los amigos de Galicia. Por otra parte dejo mi voto para la Sra. Stella Maris Latorre, por su amplia trayectoria de la que estoy enterada por mis encuentros en La Coruña en el Forum Metropolitano de esa Ciudad.
Attentamente: Rosa María