30.1.08

Homenaxes no Día da Muller 2008


O COLECTIVO DE GALEGAS NA DIASPORA HERBAS DE PRATA ABRE AS POSTULACIÓNS PARA AS DÚAS HOMENAXES DO DÍA DA MULLER 2008


(Bos Aires, 30 de xaneiro) – Por segundo ano, o colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata conmemorará o Día Internacional da Muller reflexionando sobre a participación das emigradas na construcción da identidade nacional arxentina e recoñecendo o traballo público e o compromiso privado desas mulleres. Será nun acto no que repetirán a homenaxe a dúas galegas. Como o ano pasado, eses dous nomes xurdirán dunha votación aberta na súa páxina e para a que veñen de abrir a postulación a todas as persoas que queiran participar suxerindo candidatas ao seu enderezo electrónico.


Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega dun recoñecemento como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina. “Non queremos falar de premios porque nós buscamos só destacar e agradecer”, lembran.


Para iso, volverán entregar a distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) para agradecer a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre. O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.


Por outra banda, tamén entregarán o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. O ano 2007 foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos.


Calquera pode achegar ata o 24 de febreiro o nome de galegas na Arxentina para os dous homenaxes con só mandar un correo ao enderezo herbasdeprata@gmail.com cunha breve explicación dos motivos desa proposta. Eses nomes poderán ser votados públicamente no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 25 de febreiro.


A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.


Máis información: herbasdeprata@gmail.com