6.12.08

7º Taller Vivencial "Cousas de Mulleres"

.

Reflexionamos, nos reimos


nos escuchamos...


compartimos...


hablamos...


jugamos...


recordamos...


opinamos...


abiéndonos al diálogo...


expresándonos de distintas maneras...


nos emocionamos...


dramatizamos...



y nos encontramos con nosotras mismas!



30.11.08

Dionisia

.

Dionisia López Amado
"la gallega de zona Norte"
1928-2008
Un exemplo para todas as mulleres da diáspora.
Grazas Dionisia!
.

28.10.08

Conclusións do traballo no programa Tempos de Mulleres


Coñezamos e recoñezamos os nosos "Dereitos Asertivos"


-1: Algunhas veces, temos dereito a SER AS PRIMEIRAS


-2: Temos dereito a COMETER ERROS



-3: Temos dereito a ser XUÍCES ULTIMAS dos nosos SENTIMENTOS e aceptalos como válidos.


-4: Temos dereito a TER OPINIÓNS PROPIAS E CONVENCEMENTOS


-5: Temos dereito a CAMBIAR DE IDEA OU DE LIÑA DE ACTUACION

-6: Temos dereito a CRITICAR E PROTESTAR por un trato inxusto


-7: Temos dereito a INTERROMPER para pedir unha ACLARACION


-8: Temos dereito a intentar un CAMBIO

-9: Temos dereito a PEDIR AXUDA OU APOIO EMOCIONAL


-10:Temos dereito a SENTIR E EXPRESAR DOR


-11:Temos dereito a IGNORAR AS SUXESTIÓNS DOS OUTROS, que non teñen por que ter sempre razón



-12:Temos dereito a RECIBIR RECOÑECEMENTO FORMAL por un traballo ben feito

-13:Temos dereito a dicir "NON"


-14:Temos dereito a ESTAR SOAS aínda que os outros desexen a nosa compañía (iso non é ser antisocial)


-15:Temos dereito a NON XUSTIFICARNOS ante os demais



-16:Temos dereito a non responsabilizarnos dos problemas dos demais

-17:Temos dereito a NON ANTICIPARNOS a necesidades e desexos DOS OUTROS

-18:Temos dereito a RESPONDER ou a NON RESPONDER


-19:Temos dereito non ser asertivas

-20:Temos dereito a SER FELICES!


19.10.08

Chegan os Tempos de Mulleres a Bos Aires

A Secretaría Xeral da Igualdade e o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata lanzan os primeiros obradoiros do programa Tempo de Mulleres na cidade de Bos Aires.

(Bos Aires – 20 outubro) A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o colectivo de mulleres Herbas de Prata ofrecerán esta semana os primeiros módulos do programa Tempos de Mulleres, que deste xeito chega a Bos Aires como fora anunciado no mes de abril pola secretaria Carme Adan.

Co fin de presentar o marco xeral das politicas de igualdade de Galicia alí onde vivan as mulleres galegas, vanse ofrecer na cidade de Bos Aires -no Centro Español de Sada y sus Contornos e no Centro Noia-Rianxo- entre os días 24 e 26 de outubro módulos de 21 horas de traballo orientados ás problemáticas da diáspora.

Con ese propósito, as primeiras convidadas a participar dos obradoiros foron as galegas que participan das institucións e colectivos na Arxentina xa que o programa busca chegar ás mulleres do exterior, como compromiso do Goberno galego para que podan acceder á informacion sobre os seus dereitos e para dinamizar a participación delas no asociacionismo galego no exterior.

Os obradoiros foron coorganizados pola Secretaría de Igualdade da Xunta e o colectivo Herbas de Prata -que naceu no ano 2007, e foi das primeiras experiencias de asociacionismo sólo de mulleres galegas en América Latina-. Serán dictados na cidade de Bos Aires por dúas capacitadoras da Asociación de Mulleres Lilith, de Santiago de Compostela.

O Programa Tempos de Mulleres foi creado en 2007, con grande participacion ao longo do territorio galego. É un programa que pretende formar as mulleres un xeito ameno e divertido a través da participación dinámica e de relación. O proxecto consiste na realización de módulos de formación e no intercambio de experiencias no eido do asociativismo co fin de incorporar o enfoque de xénero e promover a igualdade nas comunidades galegas no exterior.

Tempos de Mulleres ten como obxectivos estratéxicos o fomento das asociacións e federacións de mulleres galegas, fortalecendo organizativamente o seu funcionamento para potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social galega; e, ao mesmo tempo, o fortalecemento deste asociacionismo como unha ferramenta fundamental do empoderamento feminino e do acrecentamento das súas capacidades e recursos.

Trátase, en definitiva, dun programa co que promover cambios que favorezan a consecución de máis seguridade e que propicien un aumento na autoestima das mulleres galegas.

9.3.08

Unha homenaxe para todas as galegas

HERBAS DE PRATA CONMEMORÓ EN BOS AIRES O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CUNHA HOMENAXE A SOBRANCEIRAS GALEGAS DA EMIGRACIÓN


(Bos Aires, 8 de marzo) – Ainda caendo con insistencia sobre a cidade de Bos Aires, a chuvia non foi quen de augar a reunión convocada este sábado no salón da Asociación Residentes de Mos para lembrar o Día Internacional da Muller. O cento de persoas que acompañaron ás organizadoras do colectivo Herbas de Prata viviron momentos de forte emoción e tiveron ocasión de saudar a sobranceiras galegas da diáspora e tamén de pensar no rol que esas mulleres e moitas outras xogaron e xogan nas institucións da colectividade galega na Arxentina. A lendaria actriz e xornalista Maruxa Boga; a nai de Praza da Maio Dionisia López Amado; os descendetes da viuva de Angel Casal, María Miramontes; unha sobriña da escritora e decana da Bibliotecoloxía no país Jose Emilia “Pepita” Sabor; a filla do célebre Tacholas, Clotilde Iglesias, entre moitas outras persoas, participaron da homenaxe ás galegas.


Neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as integrantes de Herbas de Prata damos comezo a este acto en homenaxe a todas e invitámolos e invitámolas a tecer unha rede para unha sociedade máis igualitaria”, abriron as organizadoras e alegráronse de que a diferenza do acontecido o ano pasado -onde só elas lembraron a data- este mes de marzo outras institucións organizasen actividades. “Pensamos que sentamos as bases para que a idea crecese e claro que creceu!”, dixeron.


Decontado, presentaron a mesa redonda “O rol das mulleres nas institucións da colectividade” na que disertaron o historiador Hernán Díaz, coordinador do Centro de Investigacións Ramón Suárez Picallo, e autor do libro que dá conta da historia da Federación de Sociedades Galegas; o presidente da Asociación Residentes de Mos, José Leiros Pereira; e a profesora de canto e de danzas galegas, María Luján Martínez Turnes, como portavoz das novas xeracións de galegos.


No acto, o colectivo de mulleres anunciou que organizará xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta a partir do mes de abril un programa de capacitación, de formación, encontro e reflexión para as mulleres da diáspora galega. O programa, que levará o título Tempos de Mulleres, será aberto a toda a colectividade e buscará “promover o debate sobre a realidade actual das galegas en Buenos Aires, a participación nas institucións, a dinamización e participación, asi como a conciliación da vida familiar e laboral e a loita contra a violencia de xénero”, dixeron.


Logo e por segundo ano, Herbas de Prata entregou dúas distincións para salientar o traballo público ou privado das galegas. As mulleres escollidas para este recoñecemento xurdiron dunha votación aberta á que chegaron máis de 700 votos. Este ano, levaron a distinción Rosalía a sobranceira actriz e xornalista Maruxa Boga. “Queremos agradecerlle o seu compromiso, o seu exemplo moral para os galegos e as galegas todas, queremos agradecerlle que dixese as cousas que non sempre se querían escoitar e que as dixese no idioma que moitos tampouco querían que soase. Aplaudímola por valente, por honrada e por ser un exemplo para todas nós”, dixeron as organizadoras.


Maruxa Boga mostrouse emocionada e lembrou aos seus compañeiros e amigos naquelas horas de radio. Ademáis, tivo unha especial lembranza para Castelao e alentou ás mulleres de Herbas de Prata a seguir traballando polas galegas.


Candidatas nesa mesma categoría foron a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos, quen tamén foi distinguida e María Miramontes, compañeira e sostén emocional do editor e político fusilado Ángel Casal, quen foi lembrada e homenaxeada a través dunha súa sobriña presente no acto.


Pola súa banda, a distinción Virxinia Pereira quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.


Candidata nesta mesma categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país, quen foi representada por unha sobriña que agradeceu moi emocionada a homenaxe no nome da súa tía, que non puido estar presente por motivos de saúde.

Máis información: herbasdeprata@gmail.com


25.2.08

Seis candidatas que agardan polo voso voto

O COLECTIVO DE GALEGAS NA DIASPORA HERBAS DE PRATA CONVIDA A ESCOLLER A DUAS MULLERES PARA DISTINGUILAS NO DIA DA MULLER 2008


(Bos Aires, 25 de febreiro) – As suxestións chegadas pola xente ao enderezo electrónico do colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata determinaron seis mulleres entre as que se atopan os dous nomes que levarán este mes de marzo -por segundo ano consecutivo- a distinción Virxinia Pereira e a distinción Rosalía durante o acto polo Día Internacional da Muller que o colectivo vai realizar na Asociación de Residentes de Mos o 8 de marzo ás 19,30.


Para quedar coa distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) que agradece a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre foron postuladas a sobranceira actriz Maruxa Boga, que ao longo de 45 anos conduciu a audición “Recordando a Galicia” que escoitaban milleiros de emigrados da Arxentina. Tamén quedou na lista a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos. E dende Galiza chegou a proposta de homenaxear a memoria de María Miramontes, dona e sostén económico e político de Ánxel Casal, que se exiliou na Arxentina, e morreu en Bos Aires no ano 1964.


O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.


Por outra banda, Herbas de Prata entregará o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. Nesta categoría, as candidatas son a señora Lola Rial de Fernández, que quedou viuva moi nova e soubo sair adiante cos seus fillos con moito compromiso coas tradicións galegas o que explica que os seus sexan os fundadores dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Bos Aires, a Fundación Xeito Novo.


Tamén nominada nesta categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, que ten 91 anos e é unha referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país. Neste momento, está sendo tratada dunhas doenzas propias da idade nun xeriátrico e ainda que ten o recoñecemento dos bibliotecarios arxentinos, non foi visibilizado o seu compromiso coa terra na que naceu. Por último, foi proposta nesta categoría a señora Isabel Varela, que ten unha historia de emigración e de loita pero tamén de traballo xeneroso en dúas institucións da colectividade: a Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Axuntamento de Boiro na Arxentina. Mesmo sen ter un recoñecemento en proporción ao seu traballo, como si teñen os seus compañeiros homes, Varela é coñecida por moitísimos emigrantes aos que axuda asesorándoos sobre os seus dereitos.


O ano 2007 a cameleira que representa esta distinción foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos que é nai do historiador Ruy Farías Iglesias.


Os recoñecementos xurdirán da votación aberta e pública no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 25 de febreiro e serán entregados durante o acto polo Día Internacional da Muller 2008 que se vai realizar na Asociación de Residentes de Mos o sábado día 8 de marzo ás 19.30.


Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega de estes recoñecementos como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina.


A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.


Máis información: herbasdeprata@gmail.com


30.1.08

Homenaxes no Día da Muller 2008


O COLECTIVO DE GALEGAS NA DIASPORA HERBAS DE PRATA ABRE AS POSTULACIÓNS PARA AS DÚAS HOMENAXES DO DÍA DA MULLER 2008


(Bos Aires, 30 de xaneiro) – Por segundo ano, o colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata conmemorará o Día Internacional da Muller reflexionando sobre a participación das emigradas na construcción da identidade nacional arxentina e recoñecendo o traballo público e o compromiso privado desas mulleres. Será nun acto no que repetirán a homenaxe a dúas galegas. Como o ano pasado, eses dous nomes xurdirán dunha votación aberta na súa páxina e para a que veñen de abrir a postulación a todas as persoas que queiran participar suxerindo candidatas ao seu enderezo electrónico.


Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega dun recoñecemento como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina. “Non queremos falar de premios porque nós buscamos só destacar e agradecer”, lembran.


Para iso, volverán entregar a distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) para agradecer a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre. O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.


Por outra banda, tamén entregarán o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. O ano 2007 foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos.


Calquera pode achegar ata o 24 de febreiro o nome de galegas na Arxentina para os dous homenaxes con só mandar un correo ao enderezo herbasdeprata@gmail.com cunha breve explicación dos motivos desa proposta. Eses nomes poderán ser votados públicamente no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 25 de febreiro.


A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.


Máis información: herbasdeprata@gmail.com