9.3.08

Unha homenaxe para todas as galegas

HERBAS DE PRATA CONMEMORÓ EN BOS AIRES O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CUNHA HOMENAXE A SOBRANCEIRAS GALEGAS DA EMIGRACIÓN


(Bos Aires, 8 de marzo) – Ainda caendo con insistencia sobre a cidade de Bos Aires, a chuvia non foi quen de augar a reunión convocada este sábado no salón da Asociación Residentes de Mos para lembrar o Día Internacional da Muller. O cento de persoas que acompañaron ás organizadoras do colectivo Herbas de Prata viviron momentos de forte emoción e tiveron ocasión de saudar a sobranceiras galegas da diáspora e tamén de pensar no rol que esas mulleres e moitas outras xogaron e xogan nas institucións da colectividade galega na Arxentina. A lendaria actriz e xornalista Maruxa Boga; a nai de Praza da Maio Dionisia López Amado; os descendetes da viuva de Angel Casal, María Miramontes; unha sobriña da escritora e decana da Bibliotecoloxía no país Jose Emilia “Pepita” Sabor; a filla do célebre Tacholas, Clotilde Iglesias, entre moitas outras persoas, participaron da homenaxe ás galegas.


Neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as integrantes de Herbas de Prata damos comezo a este acto en homenaxe a todas e invitámolos e invitámolas a tecer unha rede para unha sociedade máis igualitaria”, abriron as organizadoras e alegráronse de que a diferenza do acontecido o ano pasado -onde só elas lembraron a data- este mes de marzo outras institucións organizasen actividades. “Pensamos que sentamos as bases para que a idea crecese e claro que creceu!”, dixeron.


Decontado, presentaron a mesa redonda “O rol das mulleres nas institucións da colectividade” na que disertaron o historiador Hernán Díaz, coordinador do Centro de Investigacións Ramón Suárez Picallo, e autor do libro que dá conta da historia da Federación de Sociedades Galegas; o presidente da Asociación Residentes de Mos, José Leiros Pereira; e a profesora de canto e de danzas galegas, María Luján Martínez Turnes, como portavoz das novas xeracións de galegos.


No acto, o colectivo de mulleres anunciou que organizará xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta a partir do mes de abril un programa de capacitación, de formación, encontro e reflexión para as mulleres da diáspora galega. O programa, que levará o título Tempos de Mulleres, será aberto a toda a colectividade e buscará “promover o debate sobre a realidade actual das galegas en Buenos Aires, a participación nas institucións, a dinamización e participación, asi como a conciliación da vida familiar e laboral e a loita contra a violencia de xénero”, dixeron.


Logo e por segundo ano, Herbas de Prata entregou dúas distincións para salientar o traballo público ou privado das galegas. As mulleres escollidas para este recoñecemento xurdiron dunha votación aberta á que chegaron máis de 700 votos. Este ano, levaron a distinción Rosalía a sobranceira actriz e xornalista Maruxa Boga. “Queremos agradecerlle o seu compromiso, o seu exemplo moral para os galegos e as galegas todas, queremos agradecerlle que dixese as cousas que non sempre se querían escoitar e que as dixese no idioma que moitos tampouco querían que soase. Aplaudímola por valente, por honrada e por ser un exemplo para todas nós”, dixeron as organizadoras.


Maruxa Boga mostrouse emocionada e lembrou aos seus compañeiros e amigos naquelas horas de radio. Ademáis, tivo unha especial lembranza para Castelao e alentou ás mulleres de Herbas de Prata a seguir traballando polas galegas.


Candidatas nesa mesma categoría foron a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos, quen tamén foi distinguida e María Miramontes, compañeira e sostén emocional do editor e político fusilado Ángel Casal, quen foi lembrada e homenaxeada a través dunha súa sobriña presente no acto.


Pola súa banda, a distinción Virxinia Pereira quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.


Candidata nesta mesma categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país, quen foi representada por unha sobriña que agradeceu moi emocionada a homenaxe no nome da súa tía, que non puido estar presente por motivos de saúde.

Máis información: herbasdeprata@gmail.com


No hay comentarios: