Graciñas a todos!!






O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas de xuntarse para traballar por e para as mulleres.
(Bos Aires, 8 de marzo) – Ainda caendo con insistencia sobre a cidade de Bos Aires, a chuvia non foi quen de augar a reunión convocada este sábado no salón da Asociación Residentes de Mos para lembrar o Día Internacional da Muller. O cento de persoas que acompañaron ás organizadoras do colectivo Herbas de Prata viviron momentos de forte emoción e tiveron ocasión de saudar a sobranceiras galegas da diáspora e tamén de pensar no rol que esas mulleres e moitas outras xogaron e xogan nas institucións da colectividade galega na Arxentina. A lendaria actriz e xornalista Maruxa Boga; a nai de Praza da Maio Dionisia López Amado; os descendetes da viuva de Angel Casal, María Miramontes; unha sobriña da escritora e decana da Bibliotecoloxía no país Jose Emilia “Pepita” Sabor; a filla do célebre Tacholas, Clotilde Iglesias, entre moitas outras persoas, participaron da homenaxe ás galegas.
“Neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as integrantes de Herbas de Prata damos comezo a este acto en homenaxe a todas e invitámolos e invitámolas a tecer unha rede para unha sociedade máis igualitaria”, abriron as organizadoras e alegráronse de que a diferenza do acontecido o ano pasado -onde só elas lembraron a data- este mes de marzo outras institucións organizasen actividades. “Pensamos que sentamos as bases para que a idea crecese e claro que creceu!”, dixeron.
Decontado, presentaron a mesa redonda “O rol das mulleres nas institucións da colectividade” na que disertaron o historiador Hernán Díaz, coordinador do Centro de Investigacións Ramón Suárez Picallo, e autor do libro que dá conta da historia da Federación de Sociedades Galegas; o presidente da Asociación Residentes de Mos, José Leiros Pereira; e a profesora de canto e de danzas galegas, María Luján Martínez Turnes, como portavoz das novas xeracións de galegos.
No acto, o colectivo de mulleres anunciou que organizará xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta a partir do mes de abril un programa de capacitación, de formación, encontro e reflexión para as mulleres da diáspora galega. O programa, que levará o título Tempos de Mulleres, será aberto a toda a colectividade e buscará “promover o debate sobre a realidade actual das galegas en Buenos Aires, a participación nas institucións, a dinamización e participación, asi como a conciliación da vida familiar e laboral e a loita contra a violencia de xénero”, dixeron.
Logo e por segundo ano, Herbas de Prata entregou dúas distincións para salientar o traballo público ou privado das galegas. As mulleres escollidas para este recoñecemento xurdiron dunha votación aberta á que chegaron máis de 700 votos. Este ano, levaron a distinción Rosalía a sobranceira actriz e xornalista Maruxa Boga. “Queremos agradecerlle o seu compromiso, o seu exemplo moral para os galegos e as galegas todas, queremos agradecerlle que dixese as cousas que non sempre se querían escoitar e que as dixese no idioma que moitos tampouco querían que soase. Aplaudímola por valente, por honrada e por ser un exemplo para todas nós”, dixeron as organizadoras.
Maruxa Boga mostrouse emocionada e lembrou aos seus compañeiros e amigos naquelas horas de radio. Ademáis, tivo unha especial lembranza para Castelao e alentou ás mulleres de Herbas de Prata a seguir traballando polas galegas.
Candidatas nesa mesma categoría foron a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos, quen tamén foi distinguida e María Miramontes, compañeira e sostén emocional do editor e político fusilado Ángel Casal, quen foi lembrada e homenaxeada a través dunha súa sobriña presente no acto.
Pola súa banda, a distinción Virxinia Pereira quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.
Candidata nesta mesma categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país, quen foi representada por unha sobriña que agradeceu moi emocionada a homenaxe no nome da súa tía, que non puido estar presente por motivos de saúde.
Máis información: herbasdeprata@gmail.com
O COLECTIVO DE GALEGAS NA DIASPORA HERBAS DE PRATA CONVIDA A ESCOLLER A DUAS MULLERES PARA DISTINGUILAS NO DIA DA MULLER 2008
(Bos Aires, 25 de febreiro) – As suxestións chegadas pola xente ao enderezo electrónico do colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata determinaron seis mulleres entre as que se atopan os dous nomes que levarán este mes de marzo -por segundo ano consecutivo- a distinción Virxinia Pereira e a distinción Rosalía durante o acto polo Día Internacional da Muller que o colectivo vai realizar na Asociación de Residentes de Mos o 8 de marzo ás 19,30.
Para quedar coa distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) que agradece a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre foron postuladas a sobranceira actriz Maruxa Boga, que ao longo de 45 anos conduciu a audición “Recordando a Galicia” que escoitaban milleiros de emigrados da Arxentina. Tamén quedou na lista a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos. E dende Galiza chegou a proposta de homenaxear a memoria de María Miramontes, dona e sostén económico e político de Ánxel Casal, que se exiliou na Arxentina, e morreu en Bos Aires no ano 1964.
O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.
Por outra banda, Herbas de Prata entregará o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. Nesta categoría, as candidatas son a señora Lola Rial de Fernández, que quedou viuva moi nova e soubo sair adiante cos seus fillos con moito compromiso coas tradicións galegas o que explica que os seus sexan os fundadores dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Bos Aires, a Fundación Xeito Novo.
Tamén nominada nesta categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, que ten 91 anos e é unha referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país. Neste momento, está sendo tratada dunhas doenzas propias da idade nun xeriátrico e ainda que ten o recoñecemento dos bibliotecarios arxentinos, non foi visibilizado o seu compromiso coa terra na que naceu. Por último, foi proposta nesta categoría a señora Isabel Varela, que ten unha historia de emigración e de loita pero tamén de traballo xeneroso en dúas institucións da colectividade: a Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Axuntamento de Boiro na Arxentina. Mesmo sen ter un recoñecemento en proporción ao seu traballo, como si teñen os seus compañeiros homes, Varela é coñecida por moitísimos emigrantes aos que axuda asesorándoos sobre os seus dereitos.
O ano 2007 a cameleira que representa esta distinción foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos que é nai do historiador Ruy Farías Iglesias.
Os recoñecementos xurdirán da votación aberta e pública no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 25 de febreiro e serán entregados durante o acto polo Día Internacional da Muller 2008 que se vai realizar na Asociación de Residentes de Mos o sábado día 8 de marzo ás 19.30.
Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega de estes recoñecementos como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina.
A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.
Máis información: herbasdeprata@gmail.com

O COLECTIVO DE GALEGAS NA DIASPORA HERBAS DE PRATA ABRE AS POSTULACIÓNS PARA AS DÚAS HOMENAXES DO DÍA DA MULLER 2008
(Bos Aires, 30 de xaneiro) – Por segundo ano, o colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata conmemorará o Día Internacional da Muller reflexionando sobre a participación das emigradas na construcción da identidade nacional arxentina e recoñecendo o traballo público e o compromiso privado desas mulleres. Será nun acto no que repetirán a homenaxe a dúas galegas. Como o ano pasado, eses dous nomes xurdirán dunha votación aberta na súa páxina e para a que veñen de abrir a postulación a todas as persoas que queiran participar suxerindo candidatas ao seu enderezo electrónico.
Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega dun recoñecemento como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina. “Non queremos falar de premios porque nós buscamos só destacar e agradecer”, lembran.
Para iso, volverán entregar a distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) para agradecer a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre. O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.
Por outra banda, tamén entregarán o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. O ano 2007 foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos.
Calquera pode achegar ata o 24 de febreiro o nome de galegas na Arxentina para os dous homenaxes con só mandar un correo ao enderezo herbasdeprata@gmail.com cunha breve explicación dos motivos desa proposta. Eses nomes poderán ser votados públicamente no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 25 de febreiro.
A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.
Máis información: herbasdeprata@gmail.com
"Una cosa es ser gallego y otra que te lo digan". Estamos en 1888, en Bos Aires, e isto é o que responden uns galegos a Emilio Daireaux, cando este xornalista e escritor intenta coñecer o grao de identificación dos emigrantes co seu xentilicio. Naquel tempo, o termo gallego, como o de napolitano, tiña connotacións negativas para unha parte da sociedade receptora. Como en moitos outros destinos, era sinónimo de bruto ou ignorante. Moitas veces, o gallego sufría o agravio á par que os rusos, que era como se nomeaba os xudeus.
Pois si. "Una cosa es ser gallego y otra que te lo digan". Gústame ese xeito de manobrar os paisanos emigrantes no eido brutal, ese si, dos prexuízos. O desprezo ao emigrante é un xeito de racismo, por moito que se disfrace de chiste. En calquera lugar e en calquera tempo. Este elixir un mesmo o intre de ser gallego, e non cando os outros queren, paréceme unha operación de intelixencia. Xa un tiña dabondo con librarse dos reverendísimos cabróns que tiñan Galicia dominada, con traballar arreo para subir a costa - "O galego recoñécese no andar", dime un amigo arxentino, "porque vai sempre como se subise unha costa"- , e aínda por riba había que loitar contra os chistes dalgún reverendísimo boludo como se foses o Indio Suárez no Luna Park.
A da curiosa resposta a Emilio Daireaux é unha información que apaño nun estudo de Núñez Seixas, incluido no libro Buenos Aires gallega, un volume xa imprescindíbel para a historia da emigración, compilado polo mozo investigador galaico-porteño Ruy Farías. Hai outro libro gozoso, Los gallegos y Buenos Aires, de Antonio López-Prado, o bravo e fino doutor que correu a Muleiro, o último fabricante dun best seller de chistes de gallegos. Aí apaño outra referencia histórica de moito nabo verbo da emigración. O que dicía Campomanes: "¿Cuáles son más perjudiciales a la causa general de la Nación, los mendigos que en las ciudades y en las villas grandes de Castilla viven a expensas del público holgando, aunque puedan trabajar, o los gallegos, que por no andar de mendigos en su país, salen a trabajar en el ajeno?". O gallego molestaba sempre, che, agás nos chistes. Como xa dicía o padre Sarmiento: "Si salen, malo; si vuelven, peor".
A monumental obra de Farías vén de ser editada pola Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural da Cidade de Bos Aires, dato non menor, pois significa un compromiso do goberno da capital federal. A presentación da obra, no moi histórico predio da Manzana de las Luces, foi un auténtico acontecemento nunha cidade de intensa (e inmensa) actividade cultural. Así que algo de fondo significa esta obra e máis o interese que espertou. Unha viraxe, que é tamén unha redescuberta, na imaxe do gallego e de Galicia. E o que é máis importante de cara ao futuro: esa "ollada fértil" que está a medrar en Arxentina e, en xeral, en América Latina, é un froito do galeguismo da diáspora, de xente de diferentes xeracións que teñen en común o levar o "país portátil" na cabeza.
Bos Aires pode consolidarse como un espazo da Galicia transnacional. Un espazo non entendido como gueto senón como enxerto creativo, onde a emigración tradicional está a abrollar nunha experiencia de fusión, ao xeito da canción popular que di "dos puntas tiene el camino / y en las dos alguien me aguarda". Hai moitos exemplos luminosos no universo galaico-porteño. Velaí van uns cantos. O colectivo Herbas de Prata, nome que remite a un dos poemas galegos de García Lorca, talvez o primeiro grupo feminista da diáspora galega, concibido como lugar de encontro de mulleres de diferentes xeracións. Herbas de Prata convoca un xa célebre faladoiro literario e cultural no mítico café Tortoni, mais as súas actividades van moito máis alá. Ten unha clara vontade de intervención social e un obxectivo que reflicte este espírito novidoso da muller rebelde fronte o estigma da submisión emigrante: "Tecer unha rede internacional de mulleres galegas". Unha das iniciativas máis novidosas son os obradoiros da memoria e da autoestima, onde persoas que sofren a soidade ou a depresión poidan encontrar escoita e outras voces coas que tecer un relato solidario. Herbas de Prata tamén homenaxeou este ano a Dionisia López Amado, unhas das Nais da Praza de Maio, no Día Internacional da Muller.
Outra mostra diferente da transformación na diáspora é a consolidación como espazo educativo do colexio Santiago Apóstolo, vinculado ao Centro Galicia. No Santiago Apóstolo, cun excelente corpo docente, estudan 483 nenas e nenos, dende os tres anos de idade e de orixe moi diversa, mais unha das cousas que teñen en común, e puidemos comprobalo nun vivísimo coloquio, é a súa magnífica formación en lingua galega, ademais do castelán e inglés. Unha intención do centro é ser o xermolo da mellor Biblioteca Galega de Arxentina, de acordo cun ideal de Castelao: "Crear unha Biblioteca Galega que calquera arxentino teña interese en consultar".
Hai un corredor secreto no centro escolar que leva ao lugar onde se custodia o lenzo máis estarrecente da arte galega, ese noso Gernika, ese noso Fusilamentos do 2 de maio, que é A derradeira lección do mestre de Castelao. En Galicia coñécese o gravado, mais nunca se puido ver ese cadro en óleo, de grande formato, que durante un tempo permaneceu tamén desaparecido para a comunidade galega de Bos Aires. Mais aí está agora, nun lugar de honra. Eu non son devoto do Castelao pintor, pero esta pintura universal é das que fai tremar o chan no que pousas cando a miras, veñas de onde veñas. Algún día terá de viaxar a Galicia. E volver, claro. Non pase o que pasou con Castelao. Cómpre ser autocrítico. Foi un tremendo erro aquela operación macabra de sacar os restos de Castelao do camposanto da Chacarita e transportalos a Galicia e non precisamente por unha Santa Compaña. O autor de Sempre en Galiza morreu no exilio e aí debería xacer polos séculos dos séculos. Esa tamén sería unha derradeira lección do mestre.
Osvaldo Bayer, autor d' A Patagonia rebelde e outras obras fundamentais da historia de Arxentina e América Latina, marchou ao exilio en 1976. Ía protexido por un diplomático alemán. No aeroporto de Ezeiza, un brigadier díxolle: "Usted jamás volverá a pisar el suelo de la Patria". O brigadier foise ao inferno e Osvaldo Bayer, que ten agora 80 anos, volveu, mais volveu para vivir e denunciar os secuestradores da patria. O historiador cóntanos cun sorriso o que lle ocorreu hai pouco cando quixo provocar a un galaico-porteño do Ferrol: "Vos sos de la ciudad donde nació Franco". E o galaico porteño respondeu: "No. Soy de la ciudad donde nació el gallego Soto!".
Sabía o que dicía: Bayer é o historiador, o des-ocultador, das grandes folgas dos obreiros dos frigoríficos e dos xornaleiros da Patagonia nos anos 1921 e 1922 que foron masacrados polo exército. O principal dirixente daquel movemento libertador, historiado por Bayer, fora o gallego Soto. Agora existe un Centro de Estudos Galego-Arxentino Antonio Soto, con sede na Federación de Sociedades Galegas, co xa mítico enderezo Chacabuco 955. Esa é tamén a sede do Museo da Emigración e axiña será da Sala da Memoria Republicana para a que comprometeu o seu apoio o ministro de Cultura, César Antonio Molina. É tamén na Federación onde se tomou un acordo ben valente: o de presentarse como acusación particular contra o Primeiro Corpo do Exército pola desaparición durante a ditadura de 21 descendentes da comunidade galega. A querela foi admitida e estase a investigar en diferentes campos de exterminio. O Goberno galego debería apoiar esta iniciativa contra crimes de lesa humanidade, en que as vítimas son fillos e fillas de Galicia.
"Una cosa es ser gallego y otra que te lo digan". Velaí temos os gallegos dicindo que son gallegos. E de qué maneira, che. Quen di que esta xente non debe votar nos tempos da Galicia transnacional? Ser será porque os gallegos son máis galegos ca nós.






Logo, foi a quenda da titular do colectivo de mulleres, a psicóloga social Adela Fernández Cruz, que lembrou que a casa na que naceu en Mugares (Ourense) era a escola do pobo e como o seu pai, xa en Bos Aires, recordáballe que no bus non estaba ben falar galego porque a xente podía non entendelos. “So moi de mallor entendín todo canto iso significaba”, dixo. “Dalgún xeito, o que facemos coas integrantes de Herbas de Prata é traballar na recuperación da identidade e da valoración desa identidade, dende logo tamén da lingua, achegándonos dende a acción ás problemáticas específicas das mulleres emigradas”.
Para pechar o acto, e “para gañar o grolo de queimada”, coma bromearon os organizadores, o público foi convidado a engadir a súa voz a unha lectura colectiva de María Mariño: “Vimos de escoitar que María Mariño era costureira e iso é o que vos convidamos a facer, ir invando un a un os versos deste poema que tendes no programa de man, entre todos, para construir coas nosas voces o poema completo. Porque non hai mellor xeito de lembrar a un autor que lelo”, explicaron as mulleres de Herbas de Prata.





