3.3.09
Renuncias
Cumprimos en anunciar que a señora Maria Gonzalez Rouco e a señora Silvia Brun veñen de renunciar ás súa participación na Distinción Rosalía de Castro que o noso colectivo organiza cada ano co propósito de visibilizar o traballo público das galegas da emigración. O mecanismo da enquisa daquí ao lado non permite retirar os seus nomes nin facer modificacións ata a data na que pecha a votación. Con todo, damos conta da súa dimisión. Nos dous casos, pediron deixar de participar porque non é posible garantir que cada persoa vote só unha vez.
As integrantes de Herbas de Prata queren lembrar que as distincións, levadas ata o de agora polas señoras Dionisia López Amado, Maruxa Boga, Isabel Varela, Lola Rial de Fernández e María Rosa Iglesias, buscan cada ano agradecer o esforzo e o compromiso dun feixe de mulleres a prol da cultura, da lingua, da memoria e da presenza de Galicia na emigración. Cantos máis apoios, votos, aplausos e recoñecementos reciban cada unha destas mulleres, moito mais cumprida estará a nosa intención.
.
23.2.09
Herbas convida a escoller a dúas galegas
As suxestións chegadas pola xente ao enderezo electrónico do colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata determinaron unha ducia de mulleres entre as que se atopan os dous nomes que levarán este mes de marzo -por terceiro ano consecutivo- a distinción Virxinia Pereira e a distinción Rosalía durante o acto polo Día Internacional da Muller que o colectivo vai realizar no Centro Noia Rianxo o 8 de marzo ás 10,30 xunto con ese centro Noia-Rianxo e Santa Comba de Xallas.
Para quedar coa distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) que agradece a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre foron postuladas a presidenta da Asociación Residentes de Vigo, Maria del Carmen Araujo Baliñas; á actriz Clotilde Iglesias, filla do actor galego da diáspora por excelencia Tacholas; a escritora e académica María Rosa Lojo; a conductora do ciclo televisivo Lembrando a Galicia, Silvia Brun;a integrante do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior (CGCE) Maite Michelón; a escritora Stella Maris Latorre; a xornalista e escritora Maria Gonzalez Rouco; a profesora e referente do mundo da bibliotecoloxía Josefa "Pepita" Sabor; e a experta en folckore ciencia Pilar Jeremías Cela.
O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcumaban "la gallega de la zona norte" e o ano pasado foi para a sobranceira actriz e xornalista Maruxa Boga.
Por outra banda, Herbas de Prata entregará o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. Nesta categoría, as candidatas son as señoras Olga Alvarez, activa galega que imprimiu a súa orixe nos seus descendentes con entusiasmo. A señora Adriana Posse, cunha longa presenza na colectividade galega. E a señora Eladina, man dereita, valedora, amiga e sostén da nosa admirada Maruxa Boga.
O ano 2007 a cameleira que representa esta distinción foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos que é nai do historiador Ruy Farías Iglesias. E o ano pasado quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.
Os recoñecementos xurdirán da votación aberta e pública no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.blogspot.com/ dende o luns 23 de febreiro e serán entregados durante o acto polo Día Internacional da Muller 2008 que se vai realizar no Centro Noia Rianxo o 8 de marzo ás 10,30.
Herbas de Prata instaurou no ano 2007 a entrega de estes recoñecementos como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina.
A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.
Máis información: herbasdeprata@gmail.com
.
21.2.09
Herbas de Prata busca dúas galegas sobranceiras para o Día da Muller
.
O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata conmemorará o Día Internacional da Muller nunha xornada colectiva convocada ademáis polos centros Noia-Rianxo e Santa Comba de Xallas e na que, por terceiro ano repetirán a homenaxe a dúas mulleres. Como sempre, eses dous nomes xurdirán dunha votación aberta na súa páxina e para a que veñen de abrir a postulación a todas as persoas que queiran participar suxerindo candidatas ao seu enderezo electrónico herbasdeprata@gmail.com
Herbas de Prata instituiu a entrega dun recoñecemento como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa vida visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina. "Non queremos falar de premios porque nós buscamos só destacar e agradecer", explican.
Para iso, volverán entregar a distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) para agradecer a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre. O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcumaban "la gallega de la zona norte" e no ano 2008 foi para a lendaria actriz e xornalista Maruxa Boga.
Por outra banda, tamén entregarán o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento das súas familias e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. O ano 2007 foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos e o ano pasado quedou por primeira vez en dúas mulleres moi admiradas e queridas na colectividade: Isabel Varela, pola súa loita e traballo xeneroso na Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Concello de Boiro na Arxentina, e Lola Rial de Fernández, polo seu exemplo de vida e traballo amoroso para os integrantes dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Buenos Aires, a Fundación Xeito Novo.
Calquera pode achegar ata o domingo día 22 de febreiro o nome de galegas na Arxentina para os dous homenaxes con só mandar un correo ao enderezo herbasdeprata@gmail.com cunha breve explicación dos motivos desa proposta. Eses nomes poderán ser votados públicamente no blog de Herbas de Prata http://www.herbasdeprata.
A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.
Máis información: herbasdeprata@gmail.com
.
6.1.09
6.12.08
30.11.08
28.10.08
Conclusións do traballo no programa Tempos de Mulleres
Coñezamos e recoñezamos os nosos "Dereitos Asertivos"
-1: Algunhas veces, temos dereito a SER AS PRIMEIRAS
-2: Temos dereito a COMETER ERROS
-3: Temos dereito a ser XUÍCES ULTIMAS dos nosos SENTIMENTOS e aceptalos como válidos.
-4: Temos dereito a TER OPINIÓNS PROPIAS E CONVENCEMENTOS
-5: Temos dereito a CAMBIAR DE IDEA OU DE LIÑA DE ACTUACION
-6: Temos dereito a CRITICAR E PROTESTAR por un trato inxusto
-7: Temos dereito a INTERROMPER para pedir unha ACLARACION
-8: Temos dereito a intentar un CAMBIO
-9: Temos dereito a PEDIR AXUDA OU APOIO EMOCIONAL
-10:Temos dereito a SENTIR E EXPRESAR DOR
-11:Temos dereito a IGNORAR AS SUXESTIÓNS DOS OUTROS, que non teñen por que ter sempre razón
-12:Temos dereito a RECIBIR RECOÑECEMENTO FORMAL por un traballo ben feito
-13:Temos dereito a dicir "NON"
-14:Temos dereito a ESTAR SOAS aínda que os outros desexen a nosa compañía (iso non é ser antisocial)
-15:Temos dereito a NON XUSTIFICARNOS ante os demais
-16:Temos dereito a non responsabilizarnos dos problemas dos demais
-17:Temos dereito a NON ANTICIPARNOS a necesidades e desexos DOS OUTROS
-18:Temos dereito a RESPONDER ou a NON RESPONDER
-19:Temos dereito non ser asertivas
-20:Temos dereito a SER FELICES!
19.10.08
Chegan os Tempos de Mulleres a Bos Aires
(Bos Aires – 20 outubro) A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o colectivo de mulleres Herbas de Prata ofrecerán esta semana os primeiros módulos do programa Tempos de Mulleres, que deste xeito chega a Bos Aires como fora anunciado no mes de abril pola secretaria Carme Adan.
Co fin de presentar o marco xeral das politicas de igualdade de Galicia alí onde vivan as mulleres galegas, vanse ofrecer na cidade de Bos Aires -no Centro Español de Sada y sus Contornos e no Centro Noia-Rianxo- entre os días 24 e 26 de outubro módulos de 21 horas de traballo orientados ás problemáticas da diáspora.
Con ese propósito, as primeiras convidadas a participar dos obradoiros foron as galegas que participan das institucións e colectivos na Arxentina xa que o programa busca chegar ás mulleres do exterior, como compromiso do Goberno galego para que podan acceder á informacion sobre os seus dereitos e para dinamizar a participación delas no asociacionismo galego no exterior.
Os obradoiros foron coorganizados pola Secretaría de Igualdade da Xunta e o colectivo Herbas de Prata -que naceu no ano 2007, e foi das primeiras experiencias de asociacionismo sólo de mulleres galegas en América Latina-. Serán dictados na cidade de Bos Aires por dúas capacitadoras da Asociación de Mulleres Lilith, de Santiago de Compostela.
O Programa Tempos de Mulleres foi creado en 2007, con grande participacion ao longo do territorio galego. É un programa que pretende formar as mulleres un xeito ameno e divertido a través da participación dinámica e de relación. O proxecto consiste na realización de módulos de formación e no intercambio de experiencias no eido do asociativismo co fin de incorporar o enfoque de xénero e promover a igualdade nas comunidades galegas no exterior.
Tempos de Mulleres ten como obxectivos estratéxicos o fomento das asociacións e federacións de mulleres galegas, fortalecendo organizativamente o seu funcionamento para potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social galega; e, ao mesmo tempo, o fortalecemento deste asociacionismo como unha ferramenta fundamental do empoderamento feminino e do acrecentamento das súas capacidades e recursos.
Trátase, en definitiva, dun programa co que promover cambios que favorezan a consecución de máis seguridade e que propicien un aumento na autoestima das mulleres galegas.




