A Secretaría Xeral da Igualdade e o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata lanzan os primeiros obradoiros do programa Tempo de Mulleres na cidade de Bos Aires.(Bos Aires – 20 outubro) A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o colectivo de mulleres Herbas de Prata ofrecerán esta semana os primeiros módulos do programa Tempos de Mulleres, que deste xeito chega a Bos Aires como fora anunciado no mes de abril pola secretaria Carme Adan.Co fin de presentar o marco xeral das politicas de igualdade de Galicia alí onde vivan as mulleres galegas, vanse ofrecer na cidade de Bos Aires -no Centro Español de Sada y sus Contornos e no Centro Noia-Rianxo- entre os días 24 e 26 de outubro módulos de 21 horas de traballo orientados ás problemáticas da diáspora.Con ese propósito, as primeiras convidadas a participar dos obradoiros foron as galegas que participan das institucións e colectivos na Arxentina xa que o programa busca chegar ás mulleres do exterior, como compromiso do Goberno galego para que podan acceder á informacion sobre os seus dereitos e para dinamizar a participación delas no asociacionismo galego no exterior.Os obradoiros foron coorganizados pola Secretaría de Igualdade da Xunta e o colectivo Herbas de Prata -que naceu no ano 2007, e foi das primeiras experiencias de asociacionismo sólo de mulleres galegas en América Latina-. Serán dictados na cidade de Bos Aires por dúas capacitadoras da Asociación de Mulleres Lilith, de Santiago de Compostela.O Programa Tempos de Mulleres foi creado en 2007, con grande participacion ao longo do territorio galego. É un programa que pretende formar as mulleres un xeito ameno e divertido a través da participación dinámica e de relación. O proxecto consiste na realización de módulos de formación e no intercambio de experiencias no eido do asociativismo co fin de incorporar o enfoque de xénero e promover a igualdade nas comunidades galegas no exterior.Tempos de Mulleres ten como obxectivos estratéxicos o fomento das asociacións e federacións de mulleres galegas, fortalecendo organizativamente o seu funcionamento para potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social galega; e, ao mesmo tempo, o fortalecemento deste asociacionismo como unha ferramenta fundamental do empoderamento feminino e do acrecentamento das súas capacidades e recursos.Trátase, en definitiva, dun programa co que promover cambios que favorezan a consecución de máis seguridade e que propicien un aumento na autoestima das mulleres galegas.